Betanzos chama a mobilizarse contra as violencias machistas cunha concentración e a XII Andaina das Mariñas

O Concello de Betanzos fai un chamamento á participación cidadá nos actos organizados arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que inclúen unha concentración institucional e a celebración da XII Andaina contra a violencia de xénero do Consorcio As Mariñas.
O vindeiro martes 25 de novembro terá lugar unha concentración na praza da Constitución, diante da Casa do Concello, na que se gardará un espazo para a reflexión colectiva e se dará lectura a un manifesto elaborado e defendido polo Colectivo Feminista das Mariñas. O acto está convocado para as 12.00 horas e pretende visibilizar o rexeitamento social ás violencias exercidas contra as mulleres en todos os ámbitos.
A programación completarase o sábado 29 de novembro coa XII Andaina contra a violencia de xénero, unha marcha comarcal promovida polo Consorcio As Mariñas baixo o lema 'Ante a violencia de xénero As Mariñas di NON'.
A andaina terá un itinerario urbano, circular e de dificultade baixa, cun total de 5 quilómetros. A saída está prevista ás 11.00 horas desde a praza Irmáns García Naveira e o remate calcularase en torno ás 12.15 horas, momento no que o presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, procederá á lectura do manifesto polo 25N.
A inscrición poderá formalizarse no propio punto de saída desde media hora antes do inicio da marcha.
Desde o Concello de Betanzos e o Consorcio As Mariñas subliñan que tanto a concentración como a andaina son propostas abertas a toda a cidadanía e teñen un marcado carácter reivindicativo e sensibilizador, co obxectivo de promover unha resposta colectiva fronte á violencia machista e de reforzar a idea de que a igualdade e o respecto son a base dunha convivencia democrática.