Betanzos celebrou con éxito a Feira Medieval esta fin de semana

Os servizos municipais iniciaron hoxe os labores de limpeza das rúas do centro histórico (incluída a praza García Irmáns) nas que se celebrou a Feira Medieval, uns traballos que alongarán durante varios días ata retirar as teas e estandartes decorativos. A alcaldesa, María Barral, explicou que, aínda que nos próximos días celebrarase unha reunión cos técnicos para facer un balance da feira, o certo é que “os resultados son moi satisfactorios pola alta participación que houbo, especialmente durante a serán do venres, a noite do sábado e a tarde do domingo”.
A primeira edil subliñou o que a Feira Medieval supón para a cidade a nivel non só económico senón en canto a repercusión e promoción de Betanzos. Indicou que en moitos momentos superáronse amplamente as previsións, o que é un indicativo “das ganas que ten a xente de celebrar esta feira e da dimensión e a repercusión que alcanza xa non só na comarca senón a nivel galego”. Neste sentido, fixo especial fincapé en “o traballo dos voluntarios que participan nas distintas escenas; e dos servizos municipais. Todos eles fan posible que cada ano sexa un éxito”.
“Grazas infinitas a todas as persoas que co seu esforzo, traballo e ilusión fixeron posible a feira: a Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, persoal municipal, servizo de limpeza, voluntarios e voluntarias, aos 130 postos do mercado, á hostalería e ao comercio do centro histórico, e, por suposto, a todos os veciños e veciñas de Betanzos”, indicou.
María Barral destacou a participación nas actividades tradicionais do programa e naquelas que se reforzaron para esta edición, que congregaron a miles de persoas como “o torneo Medieval, a expulsión dos Leprosos, a carreira de bocois, a representación das danzas de campesiñas e amoras… Un ano máis a feira foi un éxito de público, de celebración...”
A alcaldesa subliñou o valor das escenas medievais representadas e a expectación que xeran, representacións nas que Betanzos mostra os seus trazos diferenciadores que seguen espertando interese e fan que a Feira Medieval teña ou éxito que ten pese ao incremento deste tipo de eventos en Galicia. A de Betanzos mantense como un referente. “Quedo coa satisfacción que dá ver a toda a xente que participa contenta e agradecida. Houbo algunha sombra? Si, sempre hai detalles que puír, pero o grao de satisfacción é máximo”.
A primeira edil indicou que a obrigación do Concello é tratar de organizar eventos que dinamicen a economía local, e conseguímolo. E a nosa obrigación é poñer en valor a nosa historia, o noso pasado, e que sexa un motor do noso presente, e tamén o conseguimos, grazas ao esforzo de todos e todas, ao esforzo de cidade. Por iso é polo que das grazas a todo Betanzos, aos betanceiros e betanceiras”. O goberno local explicou que a pesar desa alta participación todo desenvolveuse sen incidentes, destacando neste sentido o traballo realizado por Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, e Cruz Vermella. “É verdade que no medio de miles e miles de persoas sempre hai quen ten condutas incívicas e contra iso é difícil loitar. Sei o esforzo dos corpos de seguridade por evitalas, pero esas condutas non poden embazar o comportamento da inmensa maioría de persoas que gozamos con respecto á cidade e todo o que significa”.