Betanzos celebrará unha Semana Santa chea de música, tradición e espiritualidade

ACoruñaXa
A programación ofrece actividades dende o sábado 12 ata o domingo 20 de abril
semana santa
6 Apr 2025

A cidade de Betanzos prepárase para vivir unha intensa e emotiva Semana Santa, cunha ampla programación que combina actos litúrxicos, procesións tradicionais e concertos de música sacra. A programación, organizada en colaboración coas distintas parroquias e agrupacións culturais da vila, ofrece actividades dende o sábado 12 ata o domingo 20 de abril.

O VIII Ciclo de Música Sacra inaugurarase o sábado 12 de abril na Igrexa de San Domingos cun concerto-pregón a cargo da Coral Polifónica de Betanzos e o delegado episcopal José Ramón Amor Pan como pregoeiro. O ciclo continuará con actuacións destacadas como Cantate Domino Canticum Novum, o domingo 13 na Igrexa de Santiago, e o Stabat Mater interpretado pola Camerata Brigantina o luns 14.

A Semana Santa brigantina contará cun amplo calendario de procesións que percorren o casco histórico da cidade, destacando o Santo Encontro do Xoves Santo, con cerimonias no adro de Santa María e a participación de diversas bandas de música e gaitas. O Venres Santo terá lugar o tradicional Via Crucis escenificado e as solemnes procesións do Santo Enterro e Os Caladiños.

Durante o Sábado Santo, a Igrexa chama á meditación e ao silencio, culminando na solemne Vixilia Pascual na noite do 19 de abril. A alegría da resurrección celebrase o Domingo de Pascua con misas nas principais igrexas da cidade, marcando o fin dunha semana de intensa vivencia cristiá.

Betanzos volve así a converterse nun dos puntos de referencia da Semana Santa galega, cunha celebración que une fe, arte e tradición.

 

⚙ Configurar cookies
0.15784192085266