Betanzos celebrará o sorteo para elixir as persoas representantes das festas patronais de agosto

Betanzos prepara a celebración do sorteo público que terá lugar, o día 20 ás 13.00 horas no edificio Liceo, co obxectivo de designar ás persoas que actuarán como representantes maior e infantil das festas patronais de San Roque, que se desenvolverán do 14 ao 25 de agosto.
Desde hai varios anos, a figura da “representante maior” e “representante infantil” substitúe á tradicional Raiña das festas, apostando por un modelo máis inclusivo no que “calquera persoa, sexa cal sexa o seu xénero poderá ser representante das festas patronais”.
Ao sorteo poderán optar aquelas persoas que se inscribiron entre o 4 e o 18 deste mes, podendo presentarse tanto a título individual como a través dunha entidade local, como clubs ou asociacións, sen importar a súa orientación sexual ou identidade de xénero.
Para ser elixido representante maior é requisito estar empadroado/a en Betanzos, ter entre 17 e 19 anos durante este ano e non ter exercido esta función con anterioridade. No caso do representante infantil, tamén se precisa estar empadroado/a, ter 8 ou 9 anos en 2025 e non contar con experiencias previas como representante.
Unha vez elexida, a persoa representante poderá participar no desfile vestida coa roupa e cores que desexe, e tamén terá a liberdade de configurar a comitiva para os desfiles dos días 14, 15 e 16 de agosto, sempre que a elección sexa compatible coas características do propio desfile. A comitiva poderá estar formada por un máximo de 24 persoas.
Por último, o Concello de Betanzos aclarou que non organizará ningunha cea vinculada á elección das persoas representantes das festas, aínda que, se algunha quere celebrar unha reunión privada, poderá solicitar a cesión dun local público como calquera outro veciño ou veciña.