Betanzos celebra este sábado os IV Xogos Florais con poesía, música tradicional e concerto de Balteira

Este sábado, 27 de setembro, Betanzos volverá encherse de versos e muiñeiras cos IV Xogos Florais de Betanzos: “Vivan os do meu lughar-e!”, unha proposta do Proxecto Pesquedellas en colaboración co Concello de Betanzos. A xornada arrincará ás 12.00 horas na igrexa de Santiago cun slam de poesía, formato vivo e participativo que convida o público a descubrir novas voces. Ás 13.00 horas continuará a programación cun concerto de música tradicional, nun marco histórico que reforza o diálogo entre patrimonio, palabra e son.
Xa pola noite, ás 21.00 horas, a praza da Constitución acollerá a entrega de premios do slam, nun acto que dará paso ao concerto de Balteira, grupo de referencia da música tradicional galega, encargado de pechar a edición cun directo festivo e de raíz. Os Xogos Florais de Betanzos consolidan así a súa vocación de encontro interxeracional en torno á literatura e á música, convidando veciñanza e visitantes a participar dunha celebración que reivindica a creación propia e a identidade cultural do país.