A Mesa de Comercio Local de Betanzos reúnese para responder aos retos dos comerciantes

ACoruñaXa
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo destaca a importancia deste tipo de encontros
20250225_belen_betanzos_
25 Feb 2025

Representantes municipais e comerciantes de Betanzos reúnense na Mesa de Comercio Local. Participou na mesma a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, que subliñou a importancia deste tipo de encontros no marco do futuro 'Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030', que se presentará no primeiro trimestre deste ano. A representante autonómica destacou a relevancia de celebrar estas citas nas principais vilas e cidades galegas, co fin de responder aos retos e necesidades específicos do sector comercial.

Belén do Campo animou aos concellos a colaborar de forma estreita co tecido comercial das súas contornas. A delegada resaltou que estas reunións deben servir como espazos de debate e reflexión, co obxectivo de tomar as mellores decisións para dinamizar o comercio local e fortalecer a súa competitividade.

Pola súa banda, as representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) presentaron a súa proposta de dinamización comercial para o ano 2025. Entre as iniciativas destacadas, a Asociación anunciou a organización da tradicional Feira de Oportunidades, co fin de fomentar o comercio local e atraer a novos clientes á vila.

Durante a xuntanza, Belén do Campo informou tamén que, entre o 26 de febreiro e o 26 de marzo, estará aberto o prazo de solicitude para as axudas á dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio retallista e os obradoiros artesanais galegos. Estas axudas, que contan cun orzamento total de 3,9 millóns de euros, buscan apoiar a creación dun modelo de comercio máis innovador e sustentable nas vilas e cidades galegas. A principal novidade nesta convocatoria é a unificación de tres liñas de apoio, o que supón un avance na simplificación administrativa e na axilización das tramitacións.

A delegada tamén explicou que o incremento da intensidade das axudas, que agora cubrirán ata o 80 % dos custos das actuacións, é unha das melloras destacadas con respecto ao ano pasado, cando as axudas cubrían entre un 60 % e un 75 % da subvención.

No marco deste encontro, Belén do Campo lembrou que, ata o 19 de marzo, está aberta tamén a convocatoria de axudas, dotada con 2,5 millóns de euros, para impulsar as actividades dos centros comerciais abertos de Galicia. Esta achega busca reforzar a súa capacidade de dinamización e excelencia, mellorando a capacidade de atraer clientes e revitalizando as contornas onde se integran. A Xunta, coa súa aposta por fortalecer estas figuras, reafirma o seu compromiso co comercio local como un pilar esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.

 

⚙ Configurar cookies
0.0449378490448