Betanzos celebra a chegada da primavera cun novo mercado artesanal no casco histórico

Tras a boa acollida do Mercado de Nadal, o casco histórico de Betanzos volverá encherse de vida esta fin de semana coa celebración do Mercado de Primaveira, unha iniciativa impulsada por El Rastro de Merce coa colaboración do Concello de Betanzos.
Durante os días 11, 12 e 13 de abril, veciñanza e visitantes poderán gozar dunha ampla variedade de produtos artesanais elaborados por creadoras e creadores da contorna. Floristería, cerámica, ilustracións e gravados, serigrafía ou artigos de decoración serán algúns dos sectores presentes neste encontro co talento local.
A edición de primavera chega ademais con interesantes novidades con respecto á anterior: incorporaranse propostas de artesanía en madeira, encadernación, produtos herbalistas, crochet e artigos feitos en la, ampliando así a diversidade da oferta dispoñible.
O horario do mercado será de 11.00 a 21.00 horas o venres e o sábado, mentres que o domingo abrirá de 11.00 a 14.30 horas. Ademais, os comercios da zona adaptarán os seus horarios para facilitar que tanto visitantes como compradores poidan aproveitar a cita ao máximo.
Con esta iniciativa, Betanzos reafirma a súa aposta pola promoción do pequeno comercio e a artesanía local, dinamizando o centro histórico e ofrecendo un atractivo máis para visitar a vila nesta primavera.