Betanzos avanzará no pleno extraordinario a instalación dun pantalán no paseo da Tolerancia

O Concello de Betanzos celebrará, este mércores 5 de xuño, un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación a aceptación das condicións impostas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a Demarcación de Costas do Estado e Augas de Galicia para a instalación dun pantalán no paseo da Tolerancia. A actuación forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística financiado con fondos europeos, impulsado polo propio Concello en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, explicou que se trata dunha intervención moi demandada pola veciñanza, especialmente polos propietarios de embarcacións, e que foi incluída no proxecto técnico do plan turístico co obxectivo de mellorar os servizos vinculados ao río. “Esperamos que poida estar dispoñible ao longo do verán, aínda que non vai ser doado polos trámites administrativos que aínda restan para a súa contratación”, sinalou.
O pantalán contará cun módulo flotante de 12 metros de longo por 3 de ancho, ancorado ao muro do paseo mediante tres vigas verticais, o que lle permitirá adaptarse aos cambios de nivel das mareas. O acceso realizarase a través dunha pasarela de 14 metros de longo e 2 de ancho con baranda. Toda a estrutura contará con pavimento de madeira tecnolóxica, escaleiras abatibles de acceso dende o mar e flotadores. En total, ocuparase unha superficie de 154 metros cadrados.
O proxecto recibiu xa todas as autorizacións necesarias despois de varios meses de tramitacións administrativas. O pleno municipal debaterá agora a aceptación formal das condicións da concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, que establece un prazo inicial de quince anos, prorrogable ata un máximo de trinta. Esta será a última fase antes de avanzar na contratación e execución da obra.