Betanzos avanza na rehabilitación do convento das Donas cun investimento de máis de 500.000 euros

O Concello de Betanzos e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) subscribiron un convenio de colaboración que permitirá finalizar a rehabilitación do convento das Donas, unha xoia do patrimonio local. O acordo, que forma parte do programa Fondo de Cooperación para municipios de menos de 50.000 habitantes, supón un adianto de máis de 500.000 euros destinados a acometer a segunda fase dos traballos, enfocados no acondicionamento interior do edificio e na urbanización do seu entorno inmediato.
Na primeira fase do proxecto, leváronse a cabo labores de limpeza e eliminación de elementos superfluos que ocultaban a estrutura orixinal. Ademais, descubríronse achados significativos, como o enlousado do acceso principal e outros elementos destacados que revelaron detalles históricos da edificación. A reconstrución da á oeste permitiu recuperar a cuberta e acondicionar o espazo interior como unha sala multiusos, mentres que outros muros foron desmontados e restaurados baixo a supervisión dun arqueólogo.
Esta segunda fase de rehabilitación inclúe intervencións clave para devolver ao edificio a súa dignidade arquitectónica e funcionalidade como equipamento urbano. Entre as accións previstas no edificio destacan: a resolución dos accesos, mantendo o respecto polos elementos descubertos; o peche e remate das fachadas, con revocos nos muros de cachote e unha fachada lixeira no corpo ampliado; a incorporación de carpintarías de madeira e aluminio; e, a dotación de instalacións como iluminación, calefacción, ventilación, e sistemas contra incendios.
No entorno exterior, os traballos contemplan movementos de terra para restaurar a cota orixinal do edificio, a construción de muros de contención, drenaxes, impermeabilizacións, e a creación de solados e pavimentos que garantirán a accesibilidade para todas as persoas. Tamén se instalarán sistemas de iluminación e sinalización.
O obxectivo final é transformar o convento das Donas nun espazo de convivencia e encontro, plenamente integrado no entorno urbano e vinculado ao Camiño de Santiago, ao tempo que se poñen en valor os restos patrimoniais da edificación. O alcalde destacou que esta actuación representa un paso decisivo para reforzar a identidade cultural de Betanzos e ofrecer á cidadanía un espazo emblemático.