Betanzos analiza a situación da violencia de xénero na Mesa Local de Coordinación

ACoruñaXa
O encontro, presidido pola alcaldesa María Barral, serviu para revisar os casos activos, as accións de prevención e os resultados dos puntos violeta no municipio
BETANZOS mesa violencia genero
12 Nov 2025

O Concello de Betanzos celebrou hoxe unha nova sesión da Mesa Local de Coordinación fronte á Violencia de Xénero, un espazo de traballo conxunto no que se abordaron a evolución dos casos no municipio, a campaña municipal polo 25N, os datos dos puntos violeta deste ano e a coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil.

Segundo os datos presentados, Betanzos conta actualmente con 46 casos activos de violencia de xénero, o que representa o 1,64% do total provincial. Estes casos implican 43 vítimas e 46 autores. Das vítimas, 33 atópanse en situación de risco baixo con orde de protección, e non existen, a día de hoxe, casos catalogados como de risco alto ou extremo. Sete dos expedientes abertos corresponden a novos casos rexistrados durante este ano 2025.

A alcaldesa, María Barral, destacou que o Concello continuará reforzando as políticas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero cos medios dispoñibles dende a administración local, 'tendendo a man ao resto de administracións para seguir loitando contra esta lacra social'.

Durante a sesión tamén se presentaron os datos dos puntos violeta instalados na Feira Medieval e nas festas patronais. En total, atendéronse 508 persoas: o 57% solicitou información sobre recursos e servizos en materia de violencia de xénero, o 32% participou en actividades de sensibilización, o 10% interesouse por material informativo e o 1% achegouse para comentar un caso concreto.

A mesa contou coa participación da alcaldesa, da coordinadora de Servizos Sociais, da técnica de Igualdade, de representantes da Policía Local, da Garda Civil, da Subdelegación do Goberno, dunha maxistrada do Xulgado de Betanzos, de responsables do CIM de Coirós e de representantes dos centros educativos da cidade.

O obxectivo deste foro é avanzar na erradicación da violencia de xénero a través da mellora na detección temperá dos casos, a coordinación entre os diferentes axentes e recursos implicados, a atención rápida ás vítimas e a promoción de accións de información e sensibilización social.

⚙ Configurar cookies
0.07125997543335