Betanzos amplía o horario do cemiterio municipal con motivo de Todos os Santos

ACoruñaXa
O camposanto abrirá de xeito ininterrompido de 9.30 a 20.00 h e o domingo 2 de novembro celebrarase a ofrenda de defuntos ás 17.30 h
BETANZOS cementerio
29 Oct 2025

O Concello de Betanzos anunciou a apertura continuada do cemiterio municipal desde o 29 de outubro e durante os vindeiros días, en horario de 9.30 a 20.00 horas, co obxectivo de facilitar as visitas propias destas datas. Antes da ampliación horaria, o camposanto foi obxecto de acondicionamento, con tarefas de limpeza e pintado en diferentes zonas para mellorar a súa conservación e a acollida ás familias.

Como é tradicional, o domingo, 2 de novembro, ás 17.30 horas, o Concello realizará a ofrenda de defuntos, coa colocación dunha coroa de flores en homenaxe a todas as veciñas e veciños falecidos. Dende o Goberno local animan á cidadanía a escalonar as visitas e a respectar as indicacións do persoal municipal para garantir unha estancia ordeada e respectuosa.

Con motivo destas datas, nas que adoita incrementarse a afluencia, o Concello apela a planificar as achegas e evitar as horas punta e a manter libres os corredores para facilitar o tránsito. Tamén se lembra a importancia de depositar flores, plásticos e outros residuos nos puntos de recollida correspondentes, co fin de preservar o recinto e asegurar que todas as persoas poidan realizar as súas visitas en condicións de limpeza e calma.

⚙ Configurar cookies
0.072026014328003