Betanzos amplía espazos e mantén o tirón da súa Feira Franca Medieval que cumpre 26 edicións

O Concello de Betanzos xa ten practicamente todo listo para a celebración da XXVI Feira Franca Medieval, que terá lugar os días 11, 12 e 13 de xullo. Este ano, a feira recuperarase en toda a súa extensión grazas á reapertura das rúas Santiago e Pescadería, que o pasado verán estiveron fóra do percorrido por mor de obras.
A cita volve demostrar o seu peso no calendario festivo galego. A organización recibiu 360 solicitudes para instalar postos, unha cifra que iguala a do pasado ano e que confirma que o evento segue a ser un dos referentes deste tipo de celebracións en Galicia. A proxección da feira non pasa desapercibida: tanto durante a presenza de Betanzos en Fitur como posteriormente, varios municipios —galegos e doutras comunidades— amosaron interese, ben por coñecer o seu modelo organizativo, ben por visitar a vila durante esa fin de semana.
Porén, e malia o alto número de solicitudes, as características do casco histórico e as esixencias de seguridade limitan o número de postos a un máximo de 130. Será agora a comisión técnica a encargada de revisar as peticións, tendo en conta criterios como a traxectoria profesional e o cumprimento da normativa en edicións anteriores.
Dende o Concello reservaranse arredor de 25 postos para asociacións locais, establecementos comerciais situados nas rúas da feira, e postos gastronómicos que se adxudicarán mediante subasta pública. O trazado da feira volverá encher de ambiente medieval espazos como a Porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución, as rúas Santiago, Roldán e Pescadería, a praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María e San Francisco, entre outras.
Escenas históricas con participación veciñal
Un dos sinais de identidade da Feira Franca Medieval de Betanzos son as escenificacións teatrais protagonizadas por veciños e veciñas. Para iso, abrirase nos próximos días o prazo de inscrición para aquelas persoas que desexen participar como voluntarias, tanto como actores como figurantes.
As representacións para as que se busca participación son tres: o Tributo das Cien Doncelas, a entrada na cidade do Señor de Andrade e a expulsión dos leprosos. A organización prevé contar con 150 persoas para cubrir os papeis destas escenas, que cada ano congregan gran expectación entre o público asistente.
Un cartel que mantén a esencia
O Concello presentou tamén o cartel oficial da feira, obra do ilustrador Luis Galán, quen un ano máis aposta polos elementos icónicos do evento: a Porta da Vila, as igrexas góticas, personaxes típicos da feira e o tradicional moucho, presente nos deseños da feira dende hai máis de dúas décadas. As cores e o estilo gráfico manteñen a estética característica da celebración, consolidando unha imaxe recoñecible e xa vinculada á identidade visual de Betanzos.
Con esta nova edición, a Feira Franca Medieval reafirma o seu compromiso coa recreación histórica, a dinamización económica e a participación cidadá, converténdose nun punto de encontro cultural e turístico clave para o verán na comarca.