Betanzos adxudica o Servizo de Axuda no Fogar cun gasto anual de máis de 1,3 millóns de euros e atención a máis dun cento de persoas

Betanzos vén de adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar á empresa 'Iades' para os dous próximos anos, despois dun proceso ao que concorréron outras tres empresas. Trátase do servizo social co maior peso económico no orzamento municipal, cun gasto anual que supera 1,3 millóns de euros, e que actualmente chega a 108 persoas usuarias. A alcaldesa, María Barral, subliñou que, malia non ser unha competencia estritamente municipal, o Concello está a asumir algo máis do 50% do custe total, incluíndo nesa porcentaxe achegas simbólicas das persoas usuarias, mentres que o resto procede da Xunta e do Estado.
O prezo acordado na nova concesión sitúase en 24,93 euros por hora de servizo prestada pola empresa, o dobre do que se pagaba hai seis anos. O Concello explica que este incremento responde á suba xeral dos custos asociados, en particular ás melloras salariais e ás condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector, e subliña que a evolución do gasto amosa ata que punto este é un servizo esencial para o municipio.
O Servizo de Axuda no Fogar ten como finalidade prestar atención directa a persoas con autonomía limitada ou a fogares en situacións de vulnerabilidade, ofrecendo apoio no domicilio cunha perspectiva integral. O programa abrangue tanto a modalidade de SAF para persoas dependentes valoradas polo sistema galego de atención á dependencia, como a modalidade aberta a calquera persoa ou unidade de convivencia para a que este recurso resulte axeitado segundo valoración técnica. Entre os perfís atendidos inclúense persoas maiores con dificultades de autonomía, persoas con discapacidade e familias con menores en contextos que requiren intervención socioeducativa.
As tarefas que se prestan a través deste servizo inclúen axuda persoal e apoio doméstico: limpeza e mantemento do fogar, hixiene e aseo, compra de alimentos, coidado e orde da roupa, acompañamentos e outras tarefas básicas para garantir benestar e dignidade no día a día. O Concello lembra que o seu obxectivo é facilitar que as persoas poidan seguir vivindo no seu propio domicilio o maior tempo posible e nunhas condicións de independencia aceptables.
Ao abeiro deste mesmo enfoque de atención no fogar, o Concello de Betanzos mantén outros programas complementarios como a teleasistencia domiciliaria, o servizo 'xantar na casa' e o préstamo de axudas técnicas, que buscan apoiar a conciliación familiar, previr situacións de soidade non desexada e reforzar a protección social a nivel local.