Betanzos actualizará as tarifas do IBI e do imposto sobre vehículos para 2025

ACoruñaXa
A medida, que será levada a pleno, busca mellorar a capacidade recadatoria tras anos sen revisións e permitir novos investimentos
Edificio Liceo onde se sitúan os servizos administrativos do Concello de Betanzos
22 Out 2024

O Concello de Betanzos presentará no próximo pleno unha proposta para actualizar as tarifas de dous dos principais impostos municipais: o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). Esta actualización é a primeira en varios anos, xa que a última revisión do IBI foi en 2018 e a do imposto de vehículos data de 2008.

Segundo informou o Concello, a subida destes dous impostos xa estaba prevista para 2023, pero decidiuse pospoñer a súa aplicación para 2024, coincidindo coa adhesión ao plan de pago a provedores do Goberno Central. Este plan permitirá ao Concello asumir débedas pendentes con provedores e destinar recursos a outros investimentos, como programas vinculados aos fondos europeos.

No caso do IBI, a proposta consiste en situar o tipo de gravame no 0,60%, por enriba do 0,46% vixente, o que supoñerá un incremento dun 8% mensual en vivendas de 100 metros cadrados. O goberno local recoñece que as actualizacións non son populares entre a cidadanía, pero subliñan que esta medida é necesaria para axustar os impostos ao aumento dos custos de servizos aos que deben facer fronte as administracións locais.

Con respecto ao imposto de vehículos, a modificación suporá un incremento aproximado de 1,4 euros ao mes para un coche medio de entre 8 e 12 cabalos de potencia, elevando a cota anual de 50,60 euros a 68,16 euros. Desde o Concello insisten en que a medida é necesaria para manter e mellorar os servizos municipais.

0.094183921813965