Betanzos activará un 'Mapeo do Medo' polo 25N nun mes cheo de actividades

ACoruñaXa
O Concello programa obradoiros en colexios, accións no comercio local e citas culturais
BETANZOS 25n
10 Nov 2025

O Concello de Betanzos presentou a súa programación polo 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres), que se prolongará durante todo o mes con propostas para diferentes públicos. A iniciativa central será un 'Mapeo do Medo' impulsado con entidades sociais e veciñanza, con dúas sesións de indagación colectiva os días 20 e 26 de novembro para detectar puntos inseguros no termo municipal e previr situacións intimidatorias ou agresións. O proceso estará dinamizado por profesionais especialistas da Cooperativa Rexenerando.

O tecido comercial, a hostalaría e as asociacións locais sumaranse á campaña decorando os seus establecementos con mensaxes e materiais de concienciación sobre o papel da comunidade na prevención da violencia de xénero.

No eido educativo, haberá obradoiros e charlas de sensibilización en todos os niveis (desde infantil ata secundaria) grazas á colaboración dos centros de ensino da cidade.

A programación dirixida ao público xeral inclúe a exposición 'O oficio de lavar. Unha cartografía sensible', o 'Roteiro Betanzos en Feminino', o Festival 'Elas son Artistas' coa obra teatral 'Vitoria' sobre o acoso sexual, a presentación do cómic 'Mulleres artistas' no Museo das Mariñas e o obradoiro 'Amar dende o bo trato'. Ademais, o domingo 23 de novembro concederase o 'Distintivo Muller Emprendedora. Toda unha vida'.

Como cada ano, o martes 25 ás 12.00 horas celebrarase na Praza da Constitución a lectura do Manifesto institucional, que contará co acompañamento musical dunha artista local. A maiores, o Concello de Betanzos adhírese por quinto ano consecutivo á campaña 'De fronte' da Deputación da Coruña en contra das violencias machistas.

⚙ Configurar cookies
0.071196794509888