Betanzos activa a renovación dos parques de A Ribeira e Pintor Seijo Rubio con máis de 200.000 euros

ACoruñaXa
Xogos novos, solos de caucho e mobiliario sostible para unha área de lecer máis inclusiva
BETANZOS renovación parques
22 Sep 2025

O Concello puxo en marcha a contratación das obras para modernizar os parques infantís de A Ribeira e Pintor Seijo Rubio, cun investimento conxunto que supera os 200.000 euros. As actuacións enmárcanse nun plan máis amplo de mellora de espazos de xogo que inclúe tamén Alfonso IX, o Pasatempo, As Donas, Viuxe e, xa executados, praza do Emigrante, Carregal, casco histórico ou O Xuncaliño.

En A Ribeira retirarase o equipamento actual, colocarase pavimento continuo de caucho e chegarán xogos con temática mariñeira: unha balea, un faro, unha medusa, un barco pirata e un balancín múltiple. Todo pensado para diferentes idades e cun deseño seguro e estimulante. Compleméntase coa reparación do valado, novos bancos de plástico reciclado e papeleira antivandálica.

No parque de Pintor Seijo Rubio a reforma aposta pola inclusión para que todos os nenos e nenas, tamén con diversidade funcional, poidan xogar xuntos. Haberá pavimento absorbente de impactos, bancos e papeleiras sostibles e un catálogo de xogos amplo: columpio nido homologado para mobilidade reducida, columpio con asento plano e de bebé, bloques de escalada, xogo xiratorio integrador, estrutura multixogo 2–6 anos, tobogán, redes e cordas, barra de bombeiros e barra de ascenso en “S”. Engádese ademais un xogo adaptado multiactividade con cinco paneis sensoriais (mostradores, porta de paso, pequeno túnel, panel flor e bola deslizante).

O mobiliario urbano escollido prioriza a economía circular: pezas fabricadas con plástico reciclado e reciclable procedente da recollida selectiva, para reducir o impacto ambiental durante todo o seu ciclo de vida.

⚙ Configurar cookies
0.070083141326904