Betanzos acollerá unha xornada especial de cine e debate dentro do festival LGTBIQ+ da Coruña

ACoruñaXa
O evento incluirá proxeccións e un coloquio no cine Alfonsetti
betanzos-cinema-norte
12 Feb 2025

O festival de cine LGTBIQ+ da Coruña, Norte Cinema Diverso, en colaboración co Concello de Betanzos, celebrará o venres 14 de febreiro unha xornada especial de cinema e debate no cine Alfonsetti. O evento incluirá a proxección da película 'Te estoy amando locamente', do documental 'El que no se agache', do alaricán Agustín Segura Prado, e da curtametraxe 'Ese lugar partido', da coruñesa Inés Pintor Sierra. Tras as proxeccións, terá lugar un coloquio coa participación de Agustín, Inés e dun dos codirectores do certame, Fito Ferreiro.

'Te estoy amando locamente', dirixida por Alejandro Marín e protagonizada por Omar Banana, Ana Wagener, La Dani e Alba Flores, foi finalista en cinco categorías nos Premios Goya 2024. A película aborda os primeiros pasos do movemento LGTBIQ+ en España tras a morte do ditador Francisco Franco. A súa banda sonora inclúe o tema 'Yo solo quiero amor' de Rigoberta Bandini, gañador do Goya á mellor canción orixinal.

"Para o Concello de Betanzos, esta iniciativa representa unha mostra máis do noso compromiso con dar visibilidade á multiplicidade que é a nosa vida, e que ten que ter cabida en todos os ámbitos da sociedade", destaca a concelleira de Cultura, Ana Veiga. Considera que o cinema é unha ferramenta moi válida de transformación e inclusión, unha vía para dar visibilidade a todas esas historias que reflicten a diversidade existente e rompen cos prexuízos que aínda perviven na sociedade. "É o noso deber como administración apoiar calquera medida que poña en valor esta realidade para intentar transformala dunha maneira real e efectiva", engade.

A entrada ao cine Alfonsetti será de balde ata completar aforo. "Parécenos moi importante que se mostren as realidades LGTBIQ+ máis alá das cidades. Existimos en todos os lugares. Norte Cinema Diverso é unha celebración do cine, pero tamén unha celebración reivindicativa na que poñemos o foco en axudar a visibilizar o colectivo a través da sétima arte", sinala Fito Ferreiro. As proxeccións comezarán ás 20.00 horas.

A terceira edición do festival Norte Cinema Diverso celebrarase no Teatro Colón da Coruña do 20 ao 22 de febreiro.

0.15660500526428