Betanzos acollerá a XXI Semana Internacional de Cine con Cristina Castaño como protagonista

Betanzos celebrará entre o mércores 16 e o sábado 19 de xullo a XXI edición da súa Semana Internacional de Cine, un evento xa consolidado que este ano rende homenaxe á actriz galega Cristina Castaño. Todas as proxeccións e actos serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
A programación comezará o mércores 16 ás 20.00 horas coa inauguración oficial, que contará coa presenza da alcaldesa María Barral e do director da Semana de Cine, Chema Paz Gago. Ás 20.30 horas proxectarase o clásico "Divinas palabras" (1987), dirixido por José Luis García Sánchez.
O xoves 17 será a quenda de dúas películas contemporáneas: "La madriguera" de Kurro González (2016, 102 min), ás 18.00 horas, e "Sin rodeos", de Santiago Segura (2018, 87 min), ás 20.30 horas.
O venres 18 de xullo o cine continuará ás 18.00 horas coa comedia "Nacida para ganar" (2016, 95 min) de Vicente Villanueva, seguida ás 20.30 horas por "Lo dejo cuando quiera", dirixida por Carlos Therón en 2019 (98 min).
O festival pecharase o sábado 19 ás 20.30 horas cunha alfombra vermella e gala de clausura, na que se fará entrega do Premio da XXII Semana Internacional de Cine de Betanzos á actriz Cristina Castaño. O acto estará presentado tamén pola alcaldesa María Barral.
Esta edición reafirma a aposta de Betanzos polo cinema como motor cultural e espazo de encontro entre o público e os profesionais da sétima arte.