Betanzos acolle o plenario comarcal de Queremos Galego para preparar a gran Foliada pola lingua

ACoruñaXa
A reunión servirá para perfilar os últimos detalles dunha gran mobilización festiva e reivindicativa o 17 de maio
Manifestación de Queremos Galego
19 Apr 2025

O local da asociación cultural Zona Hadal, situado na rúa Travesa de Betanzos, acollerá o vindeiro martes 22 de abril, ás 20.00 horas, un plenario comarcal convocado pola plataforma Queremos Galego. A reunión servirá para perfilar os últimos detalles da “Foliada nacional pola lingua”, unha gran mobilización festiva e reivindicativa que terá lugar en Santiago de Compostela o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.

A plataforma, integrada por numerosas entidades en defensa da lingua galega, convida a todas as persoas e colectivos interesados a participar neste plenario, co obxectivo de dar a coñecer a convocatoria da manifestación nacional e iniciar un proceso social amplo, plural e participativo. A intención é avanzar nas tarefas que, segundo denuncian, a Xunta de Galicia non está disposta a asumir: avaliar o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) e doutros acordos nacionais e internacionais a favor do galego, detectar os obstáculos que impiden a súa aplicación e propor medidas concretas para garantir a súa eficacia.

Este proceso recibirá o nome de Lingua Vital e será presentado publicamente o 17 de maio na praza do Obradoiro, como parte central da foliada.

Miguel Carnota, coordinador de Queremos Galego na comarca, fixo un chamamento especial ás agrupacións, asociacións e colectivos da música galega a sumarse á mobilización: “Será unha homenaxe masiva á lingua e á cultura popular que se mantivo viva na voz das cantareiras”.

Con esta acción, Queremos Galego quere converter o 17 de maio non só nunha xornada de celebración, senón nun berro colectivo a prol da dignidade da lingua e dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega.

⚙ Configurar cookies
0.15656590461731