Betanzos acolle 'CASTELAO GRAFISTA. Facsímiles', a mostra itinerante do Ano Castelao

A sala de exposicións do edificio Liceo abrirá mañá as portas de 'CASTELAO GRAFISTA. Facsímiles', unha mostra itinerante que celebra o Ano Castelao 2025 e que afonda nas múltiples facetas do ilustre rianxeiro: caricaturista, debuxante, ilustrador, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político. O acto de presentación terá lugar ás 12.00 co acompañamento de ABANCA e Afundación, xunto coa alcaldesa María Barral.
O percorrido reúne unha ampla escolma de obras e documentos: 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación; 89 debuxos do álbum 'Cousas da vida' (dos cales 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA); pezas procedentes doutras institucións, galerías e coleccións particulares; 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Complétase co texto orixinal do álbum 'Nós', 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas ilustradas por el e 3 debuxos adicionais. A iniciativa busca achegar ao público a relevancia artística e intelectual de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e divulgar a súa achega á historia recente de Galicia.