Betanzos abre un espazo de análise sobre as violencias machistas dixitais e o seu impacto na mocidade

ACoruñaXa
O Salón Azul do Edificio Liceo acollerá este venres, 10 de abril, un faladoiro de balde incluído na campaña provincial 'De fronte contra as violencias machistas' e centrado nos discursos que circulan polas redes
ADOLESCENTE mobil xenérica
8 Apr 2026

Betanzos sumará este venres unha nova actividade á súa programación en materia de igualdade cun faladoiro dedicado ás violencias machistas dixitais, unha proposta que busca poñer o foco en fenómenos cada vez máis presentes nas redes sociais e noutras plataformas en liña. A sesión celebrarase ás 19.00 horas no Salón Azul do Edificio Liceo e estará aberta ao público ata completar a capacidade da sala.

A iniciativa enmárcase na campaña 'De fronte contra as violencias machistas', impulsada pola Deputación da Coruña, e chegará a Betanzos da man do Concello cun formato pensado para fomentar a reflexión arredor dos contidos, mensaxes e estéticas que gañan presenza no universo dixital. A actividade será dinamizada por persoal técnico especializado da Sociedade Cooperativa Aventeira.

O encontro pretende analizar como determinados discursos virais condicionan a visión das relacións afectivas e sexuais entre adolescentes e xente nova. Entre os asuntos que se abordarán figuran tendencias e etiquetas que medran nas redes e que, baixo aparencias inofensivas ou atractivas, poden contribuír a reproducir roles, desigualdades e formas de violencia machista no ámbito dixital.

Desde a organización incídese en que a sesión está aberta ao público xeral, aínda que resulta especialmente recomendable para familias, profesorado, persoal educador e mocidade. Con esta convocatoria, Betanzos incorpora ao debate local unha cuestión que gaña peso social nun contexto no que a socialización da xente nova pasa tamén, cada vez máis, polas pantallas.

0.1271800994873