Betanzos abre o luns 24 de novembro o prazo de inscrición para o campamento de Nadal 2025-2026


O Concello de Betanzos abrirá o vindeiro luns 24 de novembro o prazo de inscrición para o campamento de Nadal Betanzos Concilia 2025-2026, unha actividade organizada pola Concellería de Igualdade co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares de inverno.
As familias poderán tramitar a súa inscrición ata o domingo 7 de decembro, ambos días incluídos. O procedemento realizarase de maneira preferente a través da sede electrónica municipal, dentro do apartado de Servizos Sociais, no trámite 'Campamento de Nadal 2025/2026'. As persoas que xustifiquen non dispoñer de medios informáticos poderán presentar a solicitude de forma presencial nas dependencias de Servizos Sociais ao longo de todo o período de inscrición.
O campamento desenvolverase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, de luns a venres (agás festivos), no Aulario de Infantil do CEIP Francisco Vales Villamarín. O horario será de 8.00 a 15.00 horas, con flexibilidade na entrada (ás 8.00 ou ás 9.00 horas) e na saída (ás 14.00 ou ás 15.00 horas), para adaptarse ás necesidades laborais das familias.
A actividade está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, con datas de nacemento comprendidas entre 2013 e 2022. A cota de participación é de 50 euros por menor para a quenda completa.
En total ofertaranse 20 prazas, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición. As bases íntegras do campamento e o formulario de solicitude poden consultarse e descargarse a través da web municipal. Para máis información, o Concello pon á disposición das familias o teléfono 981 770 707.