Betanzos abre inscricións para un obradoiro infantil de máscaras polo Entroido 2026

O Concello de Betanzos abriu o prazo para apuntarse ao obradoiro infantil de máscaras do Entroido 2026, unha proposta pensada para que a rapazada elabore a súa propia careta de cara ás celebracións de febreiro.
O taller está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos e desenvolverase entre o venres 6 e o domingo 8 de febreiro, con sesións organizadas en tres grupos segundo o horario.
Os turnos previstos son os seguintes: o venres 6 haberá Grupo 1 de 16.00 a 18.00 horas e Grupo 2 de 18.00 a 20.00. O sábado 7 realizarase Grupo 3 de 11.00 a 13.00, ademais de repetir Grupo 1 de 16.00 a 18.00 e Grupo 2 de 18.00 a 20.00. O domingo 8 haberá unha última sesión do Grupo 3 de 11.00 a 13.00.
As inscricións poden facerse ata o 4 de febreiro a través do formulario online. O Concello lembra que as prazas son limitadas e que o material está incluído. O obradoiro será impartido polo escultor Jota.