Besteiro sitúa o feminismo e o municipalismo como eixos dunha alternativa progresista en Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou no primeiro Comité Nacional de 2026, ao socialismo galego como unha forza política firme na defensa da igualdade, dos dereitos humanos e dos valores democráticos, nun contexto marcado polo auxe da extrema dereita a nivel internacional e estatal, unha tendencia que —advertiu— xa ten reflexo tamén en Galicia.
Durante a súa intervención, Besteiro puxo o acento no carácter feminista do PSdeG como un sinal de identidade irrenunciable e defendeu a actuación do partido ante os casos de presunto acoso sexual coñecidos nos últimos meses. Subliñou que se actuou con rapidez, rigor e transparencia, sempre desde o respecto absoluto ás vítimas, aos seus tempos e ás súas decisións, e en estrito cumprimento da legalidade e dos protocolos internos da organización.
O líder socialista apelou á cohesión interna do socialismo galego fronte ao ruído político e ás confrontacións estériles, e instou a centrar todos os esforzos en construír unha alternativa sólida e crible a un Partido Popular que, ao seu xuízo, está cada vez máis condicionado polos postulados da extrema dereita.
No ámbito económico, Besteiro defendeu unha fiscalidade progresiva e redistributiva como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, en contraposición ao que cualificou como dumping fiscal promovido pola dereita e á proposta de concerto económico do BNG, que —segundo advertiu— carece de mecanismos de solidariedade e podería reducir os recursos dispoñibles para Galicia.
O Comité Nacional do PSdeG situou tamén no centro do debate a necesidade dun sistema de financiamento autonómico e local máis xusto, así como o papel esencial dos concellos como primeira administración á que acode a cidadanía. Nese sentido, a organización denunciou o trato económico que a Xunta do PP dispensa ao municipalismo, trasladando competencias ás entidades locais sen achegar os fondos necesarios para asumilas.
Besteiro sinalou estes elementos como piares dunha alternativa ao modelo do PP en Galicia, ao que acusou de gobernar de costas aos gobernos locais e de empregar o financiamento como unha ferramenta de control político. Advertiu de que esta estratexia está a provocar unha situación límite en moitos concellos, obrigados a asumir servizos sen cobertura económica suficiente.
No balance da xestión autonómica, o secretario xeral socialista foi moi crítico cos 17 anos de gobernos do PP na Xunta, denunciando o deterioro progresivo dos servizos públicos e a incapacidade do Executivo galego para dar resposta aos principais problemas da cidadanía. Referiuse ao fracaso das políticas de vivenda, cun aumento do 22% das persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública, á situación preocupante da sanidade, con centos de miles de persoas en listas de espera, e aos reiterados incumprimentos da lei de dependencia, con atrasos que chegan a rozar o ano.
Neste contexto, cuestionou que Alfonso Rueda aprobase en solitario os orzamentos da Xunta para 2026, sen diálogo nin vontade de acordo, consolidando —ao seu entender— un modelo que agrava as desigualdades sociais e protexe privilexios. Tamén acusou ao Goberno galego de carecer dunha verdadeira estratexia industrial e de apostar como único gran proxecto pola macrocelulosa de Altri, unha iniciativa que, segundo dixo, Galicia nin precisa nin demanda.
En relación co financiamento autonómico, Besteiro defendeu que Galicia debe exercer o seu autogoberno con ambición e responsabilidade e lembrou que, tras máis dunha década cun modelo caducado, existe agora unha proposta de carácter federal, constitucional e solidario que podería supoñer uns 600 millóns de euros adicionais para a comunidade. Fronte a iso, criticou que Rueda rexeite unha mellora clara para Galicia por seguir as directrices de Feijóo, mesmo cando iso prexudica directamente á cidadanía galega.
O líder socialista acusou ao PP de contradición ao falar de defensa de Galicia mentres bloquea unha mellora do financiamento, renunciando a máis recursos e a unha maior capacidade fiscal por interese partidista. “Din querer máis fondos para Galicia, pero cando hai unha proposta concreta enriba da mesa, din que non”, advertiu.
No plano orgánico, Besteiro reiterou que o compromiso feminista do PSdeG é firme e non admite ambigüidades. Defendeu que o partido seguirá actuando con determinación fronte a calquera comportamento machista, pero sempre con responsabilidade, garantías legais e respecto escrupuloso ás vítimas. Tamén advertiu contra o uso interesado destes casos, que —segundo sinalou— acaba danando ás vítimas, vulnerando dereitos fundamentais e prexudicando ao propio feminismo.
Finalmente, chamou á unidade do socialismo galego e a concentrar o esforzo político en ofrecer unha alternativa útil e coherente á maioría social, reivindicando ao PSdeG como a forza capaz de defender a igualdade, os dereitos e a democracia nun momento clave para o futuro do país.
No marco do Comité Nacional, a militancia aprobou ademais unha resolución de apoio ao municipalismo e a un financiamento local xusto, na que se denuncia o traslado sistemático de competencias da Xunta aos concellos sen os recursos necesarios. Segundo datos da Fegamp, esta situación supón un impacto económico próximo aos 700 millóns de euros anuais. A resolución pon especial atención na situación do Servizo de Axuda no Fogar, que atende a máis de 25.000 persoas en Galicia, e reafirma o compromiso do PSdeG de apoiar aos concellos, incluída a posibilidade de impulsar accións xudiciais, para esixir á Xunta que cumpra co seu deber legal de financiamento e abra unha negociación real sobre o modelo local.