Besteiro denuncia en Curtis a “situación límite” da atención primaria no rural galego

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Xunta reclama ao PSdeG maior rigor e veracidade nas súas declaracións
curtis-besteiro
23 May 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, volveu poñer o foco na situación da sanidade pública galega, esta vez desde o centro de saúde de Curtis, onde advertiu da grave carencia de medios na atención primaria que padecen os concellos do interior de Galicia. “No rural ou non hai centros de saúde, ou hai centros sen médicos”, denunciou.

Durante a súa visita a Curtis e Frades, acompañado pola deputada Silvia Longueira, o secretario provincial Bernardo Fernández e representantes socialistas da comarca, Besteiro criticou que a Xunta siga desatendendo a sanidade rural, mentres veciñanza e persoal sanitario seguen mobilizándose, como aconteceu recentemente diante dos centros de Curtis e Teixeiro.

O líder socialista advertiu que este non é un problema puntual, senón “unha deficiencia xeneralizada” no sistema sanitario. “Mentres o PP e Alfonso Rueda negan a realidade, nós comprobamos cada día o deterioro da atención primaria nas zonas rurais”, afirmou, asegurando que o PSdeG seguirá percorrendo o territorio para escoitar ás comunidades afectadas.

Besteiro tamén se referiu á situación da saúde mental en Galicia, criticando que os anuncios do presidente da Xunta non se traducen en melloras reais. “Eses 14 psicólogos que promete agora son os mesmos que leva anos prometendo”, sinalou, e pediu duplicar a dotación de profesionais en saúde mental para dar resposta ás preto de 1,5 millóns de consultas que se solicitan anualmente. “A atención primaria vive un drama, igual que a saúde mental. Faltan centros, faltan médicos, e o rural galego segue sen unha atención digna”, concluíu.

A Xunta reclama ao PSdeG maior rigor e veracidade nas súas declaracións

O Goberno galego pide ao secretario xeral do PSdeG que sexa máis preciso nas súas afirmacións e non confunda á cidadanía galega. Desde a Consellería de Sanidade insisten en que as prazas de médico de familia nos centros de saúde de Curtis e Irixoa están actualmente cubertas por profesionais titulares.

Así mesmo, lembran que en Frades, onde se prestan servizos médicos en dous puntos distintos, o consultorio de Abellá funciona de maneira excepcional con dous días de atención en lugar de tres, ata o vindeiro 6 de xuño. A Xunta insta ao Partido Socialista a dirixirse ao Goberno central para demandar solucións reais ante a escaseza de persoal sanitario, unha problemática que afecta ao conxunto do Estado.

⚙ Configurar cookies
0.10101914405823