Bergondo volve á rúa hoxe, 28 de novembro, contra a supresión do baipás de Infesta

ACoruñaXa
A segunda manifestación terá lugar este venres 28 de novembro ás 19.00 horas na DP-0105, ao carón do Hotel Luso, baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.
BERGONDO manifa cortiñan
28 Nov 2025

A veciñanza de Bergondo volverá mobilizarse hoxe venres, 28 de novembro, contra o proxecto do Ministerio de Transporte para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León – A Coruña e Betanzos Infesta – Ferrol, que implica a supresión do baipás de Infesta e un forte impacto na parroquia de Cortiñán.

A segunda manifestación está convocada polo Concello para as 19.00 horas na estrada provincial DP-0105, xunto ao Hotel Luso, e desenvolverase de novo baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.

A protesta pretende visibilizar o rexeitamento social ao trazado elixido polo Ministerio e reclamar unha alternativa que reduza o impacto sobre as vivendas e o territorio de Cortiñán.

Esta nova convocatoria chega despois da primeira mobilización, celebrada o pasado 28 de outubro, na que veciños e veciñas, xunto con representantes municipais, cortaron puntualmente a DP-0105 para denunciar que o proxecto deixa a parroquia sometida a expropiacións e servidumes sen obter ningún beneficio en materia de servizos ferroviarios. Naquela ocasión, xa se reclamara “unha alternativa máis sensata, máis económica e máis xusta”.

O goberno local lembra que o estudo informativo do ramal desbotou a alternativa defendida polo Concello por considerala “non viable tecnicamente”, malia que o executivo bergondés insiste en que supón menor afección para a veciñanza e que cumpre coa normativa vixente.

Ao tempo, subliñan que o municipio leva anos reclamando melloras como a reapertura do apeadeiro de Guísamo ou actuacións complementarias na liña ferroviaria A Coruña – Ferrol.

Coa mobilización deste venres, a veciñanza quere reforzar a mensaxe de que non se opón á modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol, senón a que sexa Cortiñán a asumir o maior custo territorial e social sen garantías de retorno nin de protección suficiente para as súas vivendas.

Manifestación Cortiñán-2
⚙ Configurar cookies
0.072762966156006