Bergondo supera os 7.000 habitantes e consolida o seu crecemento

O Concello de Bergondo vén de acadar unha cifra histórica: por primeira vez supera os 7.000 habitantes censados. Segundo os datos oficiais a 1 de xaneiro deste ano, o municipio conta con 7.136 residentes, o que supón un incremento de 150 persoas con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Este aumento confirma unha tendencia ascendente que se mantén de forma continua desde o ano 2018, e que reflicte o atractivo de Bergondo como lugar de residencia, especialmente para familias novas que buscan un entorno tranquilo, cunha alta calidade de vida e ben comunicado cos principais núcleos da área metropolitana.
O 15 % da poboación está composto por menores de idade, un dato que revela un relevo xeracional saudable e unha perspectiva de futuro positiva. Ao mesmo tempo, a presenza significativa de persoas maiores de 60 anos fala do arraigamento e da estabilidade dunha veciñanza que escolle Bergondo como lugar para vivir toda a súa vida.
Desde o Concello valoran este dato como unha oportunidade para continuar desenvolvendo políticas de crecemento equilibrado e sostible: “Superar os 7.000 habitantes é un fito simbólico pero tamén moi significativo. É o reflexo dunha comunidade que medra, que se consolida e que segue atraendo novos veciños pola súa calidade de vida e o seu entorno”.
O crecemento da poboación tamén implica un impulso para o desenvolvemento económico e social do municipio: maior demanda de servizos públicos, educativos, sanitarios e culturais, máis actividade comercial e unha revitalización do tecido local.
Ademais, indican desde o Concello que todo apunta a que esta cifra seguirá aumentando nos vindeiros anos. A elevada solicitude de licenzas de obra para novas vivendas demostra o interese crecente por establecerse en Bergondo, así como a existencia de solo dispoñible para uso residencial. “Recibimos solicitudes de obra todos os meses, o que demostra o interese que a xente da comarca ten por vivir aquí. O noso obxectivo é que o crecemento demográfico se traduza en melloras reais para toda a veciñanza, tanto para os que acaban de chegar como para os que levan toda a vida en Bergondo”, conclúen desde o goberno local.