Bergondo saca a concurso dúas obras de saneamento en Covas e Outeiro por preto de 300.000 euros

O Concello de Bergondo vén de licitar dúas intervencións de saneamento nos lugares de Covas (parroquia de Bergondo) e Outeiro (parroquia de Ouces) por un importe conxunto de 298.055,60 euros. Segundo indica o goberno local, con estes traballos quedará completada a cuarta fase do Plan de Saneamento municipal.
As dúas actuacións contan con financiamento do POS Adicional da Deputación da Coruña. No caso de Covas, a obra irá con cargo á convocatoria 2/2023, mentres que a de Outeiro se encadra na convocatoria 2/2024.
O proxecto de Covas, orzado en 129.417,73 euros, permitirá dotar este núcleo dunha infraestrutura básica de saneamento da que, a día de hoxe, carece nalgúns puntos. Ademais, prevese a renovación dun tramo da rede existente. A intervención inclúe tamén melloras na recollida de augas pluviais para tentar poñer fin ás inundacións que se veñen rexistrando na zona baixa de Miodelo, na contorna da estrada AC-161.
Pola súa banda, en Outeiro executarase unha nova rede de saneamento e pluviais que se conectará coas redes municipais xa existentes. Debido á orografía do terreo, será preciso implantar parte das canalizacións por parcelas privadas para acadar, por gravidade, un punto de conexión viable, polo que se prevén expropiacións. Esta actuación conta cun orzamento de 168.637,87 euros.
Desde o goberno municipal salientan que avanzar na ampliación dun servizo esencial como o saneamento ten un impacto directo e significativo na calidade de vida da veciñanza destes dous lugares.