Bergondo reunirá preto de 300 deportistas na I Orientación Nocturna e na sexta proba da Liga MTBO 2025

ACoruñaXa
A Senra acollerá este sábado unha xornada completa de orientación, con carreira en BTT pola mañá e proba nocturna popular en formato rogaine pola tarde-noite
BERGONDO gallaecia raid
21 Nov 2025

Preto de 300 persoas deportistas participarán este sábado 22 de novembro en Bergondo nunha intensa xornada de orientación organizada polo Concello e o club Gallaecia Raid, que combinará deporte, aventura e natureza coa I Orientación Nocturna de Bergondo e a sexta proba da Liga MTBO 2025.

O complexo deportivo de A Senra foi o escenario, este venres, da presentación oficial das probas, na que interviñeron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a concelleira de Deportes, Patricia Vázquez, e o directivo de Gallaecia Raid Ángel Albarrán.

Pola mañá terá lugar a sexta cita da Liga MTBO 2025, na que están inscritas 78 persoas. A competición, que tamén será valedeira como Campionato Xunta de Galicia en distancia media, disputarase en modalidade de orientación en bicicleta de montaña e porá a proba a técnica, a capacidade de lectura de mapa e a resistencia física das e dos participantes.

A carreira desenvolverase por pistas e sendeiros do municipio e contará cunha única proba de distancia media, cun percorrido secreto que as persoas deportistas coñecerán unicamente no momento da saída. A primeira saída está marcada para as 10.30 horas e a entrega de trofeos está prevista para as 13.30 horas.

Xa pola tarde-noite celebrarase a I Orientación Nocturna de Bergondo, unha cita popular aberta a todo o público na que participarán 218 persoas, co propósito de achegar esta modalidade deportiva ao conxunto da cidadanía.

A proba nocturna disputarase en formato rogaine, no que cada participante ou equipo debe planificar a súa propia estratexia para conseguir o maior número posible de puntos dentro dun tempo limitado. Establécense tres modalidades: carreira longa (3 horas), pensada para persoas con experiencia en orientación; carreira curta (1,5 horas), dirixida a quen busca menor esixencia física ou se inicia neste deporte; e unha carreira infantil (1 hora), sen dificultade técnica e desenvolvida dentro das instalacións de A Senra, deseñada especificamente para nenos e nenas.

A actividade comezará coa recollida de dorsais ás 17.00 horas e as saídas daranse a partir das 18.30 horas. A organización lembra que é necesario acudir con roupa deportiva, lanterna ou frontal, chaleco reflector, compás e teléfono móbil, material considerado imprescindible por motivos de seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.070639848709106