Bergondo renovará a barandilla de Cornide en mal estado para mellorar a seguridade peonil

ACoruñaXa
A situación agrávase nun dos marxes, onde xa foi retirada unha parte da protección existente
berg-barandilla
19 Jun 2025

O Concello de Bergondo vén de licitar un proxecto co obxectivo de reforzar a seguridade viaria na intersección da estrada AC-162 coa aldea de Cornide. A actuación céntrase na renovación dunha barandilla metálica en avanzado estado de deterioro, que representa un risco para os peóns da zona.

Segundo explica o Goberno local, a infraestrutura actual presenta “deformacións nos perfís metálicos e un alto grao de corrosión, especialmente nos montantes e pasamáns”, o que podería provocar tanto caídas como feridas por cortes. A situación agrávase nun dos marxes, onde xa foi retirada unha parte da protección existente, deixando o treito sen ningún elemento de seguridade.

A intervención suporá a retirada dos 193,80 metros de barandilla metálica danada, que se desmontará mediante corte na base ou desancoraxe, segundo corresponda, para o seu posterior traslado aos almacéns municipais.

En substitución, instalaranse 216,75 metros de nova barandilla de protección, cun metro de altura e un deseño máis acorde co entorno. O novo modelo incluirá postes da mesma altura, listóns horizontais e lamas verticais de 80 centímetros, e estará fabricado con plásticos reciclados. A escolla deste material responde, segundo o Concello, a criterios de “sustentabilidade ambiental e redución de custos de mantemento”, xa que “a súa conservación resulta practicamente nula”.

O prazo estimado para completar as obras é dun mes desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo, e o orzamento base de licitación ascende a 32.402,54 euros.

 

⚙ Configurar cookies
0.16093611717224