Bergondo rende tributo a Florencio Vaamonde Lores no centenario do seu falecemento

O Concello de Bergondo, xunto con diversas entidades e colaboradores, homenaxeou hoxe domingo 19 de outubro de 2025 a unha das súas figuras literarias máis salientables, Florencio Vaamonde Lores, coincidindo cos cen anos do seu falecemento. A xornada combinou memoria, participación veciñal e defensa da lingua, en sintonía co legado do autor que, como se lembrou, ‘fixo da palabra galega un instrumento de dignidade e liberdade’.
O programa abriu cunha misa na capela de San Gregorio e continuou cun roteiro literario pola parroquia de Ouces, berce do escritor. O percorrido, de 4 quilómetros, detívose en espazos clave da súa biografía: a Casa Grande dos Vaamonde, a fonte do Pincho, o Centro Social Antonio Pato Pardo —antiga escola—, o castro de Reboredo e a igrexa de San Xoán de Ouces.
A seguir, celebrouse un acto institucional con ofrenda floral na propia igrexa de San Xoán de Ouces, que contou coas intervencións da alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. A rexedora subliñou que ‘Florencio foi moito máis ca un escritor, foi un precursor do galeguismo político e cultural e, por riba de todo, un fillo de Bergondo’, e destacou que en Ouces ‘aprendeu a valorar a cultura popular, a forza da nosa lingua e a importancia de preservar a memoria colectiva’.
A actividade trasladouse despois ao auditorio de A Senra, onde tivo lugar un coloquio con Isabel Seoane e Teresa Amado, especialistas na obra e no legado de Vaamonde Lores. A clausura correu a cargo do músico Manoel de Felisa e pechouse cun petisco para as persoas asistentes.
No marco deste recoñecemento, o Concello declarou 2025 como ‘Ano Florencio Vaamonde Lores’, continuidade do programa municipal de posta en valor de autorías vencelladas ao territorio —despois do ‘Ano Xoán Vicente Viqueira’ en 2024— e co horizonte de homenaxear en 2026 a Filomena Dato e Alejandro Pérez Lugín. Como parte da iniciativa, presentouse un imagotipo específico: unha identidade visual con tipografía serifa e a silueta do autor sentado en actitude reflexiva, que evoca a época, o pensamento e o contexto cultural galego no que se moveu.