Bergondo rende homenaxe á fotoxornalista Anna Turbau cunha exposición

O Concello de Bergondo inaugurará o vindeiro venres, 9 de maio, a exposición “Fotografía e compromiso. Unha homenaxe á mirada de Anna Turbau”, un emotivo percorrido pola traxectoria da fotoxornalista recentemente falecida, que deixou unha fonda pegada na memoria gráfica da transición democrática en Galicia. A mostra abrirá as súas portas ás 19.00 horas no edificio de A Senra, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e a Asociación Fotográfica Maruja Roca.
Con esta iniciativa, o Concello quere render tributo a unha figura esencial do fotoxornalismo español, coincidindo co 50 aniversario das mobilizacións sociais contra a construción da Autoestrada do Atlántico. Anna Turbau documentou con valentía e sensibilidade aquel episodio histórico, especialmente a loita veciñal en Guísamo, onde as súas imaxes captaron a dignidade e a resistencia dunha comunidade en defensa do seu territorio e modo de vida.
O falecemento da fotógrafa o pasado 19 de marzo supuxo un duro golpe para as persoas que traballaban na organización do evento. Con todo, a súa familia e círculo máis próximo decidiron continuar co proxecto, entendendo que ese era o desexo da propia Turbau. Deste xeito, a exposición convértese tamén nunha homenaxe póstuma á súa figura, recoñecendo o seu compromiso social e a súa calidade artística como referentes imprescindibles da nosa memoria colectiva.
A programación continuará o sábado 10 de maio cun acto moi especial: ás 13.00 horas, na Sociedade Recreativa de Guísamo, farase entrega de copias fotográficas a algunhas das persoas retratadas por Anna Turbau ou aos seus descendentes, pechando así o círculo que a autora desexaba completar en vida.