Bergondo rende homenaxe a Filomena Dato no centenario do seu falecemento cun acto en Moruxo

ACoruñaXa
A cita será o venres 27 de febreiro, ás 17.00 horas, no cemiterio, e contará coa participación de Natalia Alonso e Marta Dacosta, premiadas no certame poético que leva o nome da autora
BERGONDO homenaxe filomena dato
21 Feb 2026

O Concello de Bergondo, en colaboración coa Asociación de Veciños e Veciñas de Moruxo, celebrará o vindeiro venres 27 de febreiro un acto de lembranza dedicado a Filomena Dato Muruais, coincidindo co centenario do seu falecemento. O homenaxe terá lugar ás 17.00 horas no Cemiterio de Moruxo, onde repousan os restos da escritora.

A convocatoria forma parte do ‘Ano Filomena Dato Muruais e Alejandro Pérez Lugín’, a programación coa que o Concello quere poñer en valor ao longo de 2026 dúas figuras literarias estreitamente vencelladas ao municipio. O evento terá un marcado ton poético e reunirá voces relacionadas co Premio de Poesía Filomena Dato, impulsado polo consistorio: participarán Natalia Alonso, gañadora do III Premio, e Marta Dacosta, gañadora do IV Premio. Sumaráse tamén Dores Tembrás, da editorial Apiario, entidade que organiza o certame xunto co Concello.

O acto completarase coa música da Agrupación de Música Tradicional de Bergondo e unha ofrenda floral, nunha homenaxe que busca recoñecer a pegada dunha autora clave do Rexurdimento e do feminismo galeguista. Coñecida como a ‘poetisa das Mariñas’, alcume que lle atribuíu Alejandro Pérez Lugín, Filomena Dato pasou os seus últimos anos en Moruxo e foi a segunda muller, despois de Rosalía de Castro, en publicar un libro integramente en galego, ‘Follatos’.

Entre os seus textos máis lembrados figura o poema ‘En defensa das mulleres’, premiado en 1887, no que rebateu os prexuízos da época e reivindicou o papel das mulleres, especialmente das clases populares. En 1906, no ano da fundación da Real Academia Galega, foi nomeada académica correspondente.

O Concello de Bergondo subliña que este homenaxe se enmarca no seu compromiso por manter viva a figura de Filomena Dato e por fomentar a creación poética en galego a través do premio que leva o seu nome, que neste 2026 alcanza a súa sexta edición.

0.080611944198608