Bergondo remata a nova senda peonil entre o Polígono e a glorieta da N-VI

O Concello de Bergondo vén de finalizar as obras de acondicionamento e creación dunha nova senda peonil que conecta a entrada do Polígono Empresarial de Bergondo, na zona de Santa Marta, coa nova glorieta da estrada N-VI. Trátase dun proxecto impulsado a través dos orzamentos participativos de 2024, no que resultou gañadora unha proposta presentada pola Asociación de Empresarios de Bergondo.
A actuación contou cun orzamento total de 276.488 euros, financiado integramente con fondos municipais. Os traballos permitiron executar unha senda peonil duns 600 metros de lonxitude e dous metros de ancho, pensada para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria nunha zona con importante tránsito laboral.
No deseño da senda combináronse diferentes solucións construtivas, alternando tramos de solo cemento con zonas de formigón drenante, co obxectivo de facilitar a absorción das augas de escorrentía nas áreas máis baixas do percorrido. Ademais, a ambos lados da senda deixouse un sobreancho de 50 centímetros no que se realizou unha sementeira de céspede, contribuíndo á regulación da filtración da auga ao terreo.
O proxecto incluíu tamén a execución dunha gabia para a instalación das canalizacións necesarias co fin de ampliar a rede de iluminación existente, mellorando así a visibilidade e a seguridade da senda en horario nocturno. Desde o goberno local destacan que esta actuación responde a unha demanda directa do tecido empresarial e exemplifica o resultado dos procesos de participación cidadá impulsados polo Concello.