Bergondo relanza a licitación para a rehabilitación enerxética do centro social de Santa Marta

O Concello de Bergondo vén de retomar o proceso de licitación do proxecto de rehabilitación enerxética do centro social de Santa Marta, cun orzamento de 133.849,32 euros. A actuación, centrada en criterios de sustentabilidade e eficiencia, busca mellorar o confort interior e a funcionalidade do edificio, respectando tanto o seu uso como a distribución e estética tradicional. Esta é a segunda vez que se pon en marcha a contratación desta obra, logo de que a primeira convocatoria quedase deserta por falta de empresas adxudicatarias.
O proxecto contempla unha intervención integral tanto no interior como no exterior do inmoble. No seu interior, levarase a cabo unha mellora da envolvente térmica mediante trasdosados e illamento dende o interior, así como a instalación dunha carpintería interior dobre. Na planta baixocuberta, o novo trasdosado conectarase co xa existente na cuberta para garantir continuidade e confort térmico.
Un dos puntos destacados será a actuación na zona de escaleiras, entre a planta baixa e a primeira, onde se picará a pedra para integrar o novo illamento sen reducir o ancho útil do paso. Tamén se renovará por completo o chan, incluíndo impermeabilización, illamento, recrecido e colocación dun novo pavimento. A maiores, incorporarase unha cámara ventilada que evitará problemas de humidade por capilaridade e ofrecerá protección fronte ao gas radon. Tamén se actualizarán as instalacións eléctricas e de calefacción, apostando por unha maior eficiencia enerxética.
No exterior, o proxecto contempla o retejado completo da cuberta, así como a substitución de canalóns e baixantes. Habilitarase unha nova zona de drenaxe, recolocando as pedras actuais sobre unha base de grava sen xuntas, agás na zona de paso diante da porta traseira, onde se manterán para facilitar o tránsito. Incorporaranse novos puntos de iluminación exterior e unha celosía para integrar visualmente a unidade exterior do sistema de aerotermia e a toma de auga.
Desde o Concello destacan que o deseño da intervención aposta por “solucións sobrias, funcionais e de baixo mantemento”, adaptadas ao contorno rural de Santa Marta. Trátase, ademais, dunha actuación accesible e respectuosa que “mellorará significativamente as condicións do edificio para seguir prestando servizo como espazo de encontro veciñal”.