Bergondo reivindica a súa memoria histórica cunha charla sobre os fuxidos do forte de San Cristóbal

O Concello de Bergondo continuará a súa liña de actividades arredor da memoria democrática cunha charla–debate titulada 'Dous bergondeses na maior fuga carcelaria de Europa', centrada na evasión de presos republicanos do forte de San Cristóbal, no monte Ezkaba (preto de Pamplona), o 22 de maio de 1938. Nesa data fuxiron 795 internos deste penal franquista, nun episodio considerado unha das maiores fugas carcerarias do século XX en Europa, que rematou cunha dura represión e centos de mortes.
O acto terá lugar o 25 de novembro ás 19.00 horas no local municipal de A Senra. Intervirán o investigador e escritor Fermín Ezkieta, autor do libro 'Los fugados del Fuerte de Ezkaba', froito de anos de traballo de campo, análise documental e identificación de vítimas, e Aurora Paz Viruet, en representación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH A Coruña). A proposta do Concello é explicar a ligazón de Bergondo con aquela prisión navarra e achegar este episodio á veciñanza desde unha perspectiva divulgativa e participativa.
Na investigación recollida por Ezkieta apúntase que entre as persoas fuxidas poderían atoparse dous veciños de Bergondo: Gerardo Gómez Lorenzo e Andrés Pardo Argüeso/Agüero (co segundo apelido aínda por precisar). As últimas exhumacións realizadas en fosas vencelladas ao forte de San Cristóbal están a permitir recoller mostras de ADN para intentar identificar restos, e existe a posibilidade de que algunhas desas probas poidan corresponderse con Gerardo ou Andrés.
Desde o goberno local sinalan que con esta charla buscan, por unha banda, poñer en valor a memoria histórica do municipio e recuperar as vidas e traxectorias destes homes 'que non deben caer no esquecemento' e, pola outra, avanzar no coñecemento das súas orixes familiares e das súas raíces en Bergondo. Por iso animan á veciñanza a achegarse a A Senra, participar no coloquio e aportar posibles testemuños ou lembranzas familiares que poidan axudar a iluminar unha parte aínda pouco coñecida da historia local.