Bergondo recibirá unha achega da Xunta para acondicionar un bosque autóctono no polígono industrial

O Concello de Bergondo recibirá unha achega da Xunta de case 60.000 euros para levar a cabo o acondicionamento dun bosque autóctono de uso público situado no seu polígono industrial. Así o anunciou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, durante unha visita ao municipio acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias.
Esta subvención enmárcase na nova orde de axudas da Xunta destinada a impulsar proxectos de infraestruturas verdes en espazos urbanos e periurbanos, unha ferramenta clave na acción local contra os efectos do cambio climático. O proxecto en Bergondo ten como finalidade “mellorar as condicións ambientais da contorna e promover a súa biodiversidade”, dentro da estratexia de compensación da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
A intervención, que se desenvolverá nunha superficie de 79.854 metros cadrados, busca reforzar a conectividade natural entre o polígono industrial e o seu entorno, mellorando as conexións ecolóxicas e paisaxísticas da zona. Entre as accións previstas están a erradicación de especies exóticas invasoras, a consolidación da vexetación autóctona mediante a plantación de árbores propias do bosque atlántico, a creación de pequenos hábitats para fauna e polinizadores, así como a mellora da accesibilidade mediante o acondicionamento de camiños naturais e zonas de estancia.
Ademais, o proxecto contempla a instalación de sinaléctica informativa, itinerarios interpretativos e puntos de observación, entre eles un miradoiro natural con vistas á ría, para converter este espazo nun recurso didáctico e de sensibilización ambiental para a poboación.
Belén do Campo destacou a boa acollida desta liña de axudas entre os alcaldes da comarca, sinalando que “tras analizar preto de 100 solicitudes, concedéronse axudas a 35 concellos para 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros dispoñibles”. Na comarca de Betanzos, Bergondo, Abegondo e Miño recibiron en conxunto máis de 164.000 euros para impulsar as súas iniciativas ambientais.
Estas axudas cobren ata o 80 % do importe subvencionable, cun máximo de 60.000 euros por proxecto, e están orientadas a proxectos que van desde a creación de sombreado natural para reducir o efecto illa de calor, a incrementar a biodiversidade urbana con xardíns verticais ou tellados verdes, ata a recuperación de treitos fluviais ou a mellora das conexións entre zonas urbanas e periurbanas.
A iniciativa responde á necesidade de dotar ás zonas urbanas de espazos verdes e azuis, dado que nestas áreas máis poboadas se xeran entre un 40 % e un 70 % das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Ademais, estes espazos naturais contribúen á mellora da calidade de vida da cidadanía, promovendo a saúde, a sociabilidade e o lecer colectivo.