Bergondo recibe investimento para mellorar a seguridade viaria con dúas novas rotondas

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, inauguraron as dúas novas rotondas situadas no PK 580 da estrada N-6, ao seu paso por Guísamo, unha actuación financiada polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible cun investimento de 1,55 millóns de euros.
Durante o acto, Pedro Blanco destacou que “trátase dun investimento sostido e planificado que contribúe a vertebrar o territorio, mellorar a mobilidade no rural galego e garantir a seguridade de toda a veciñanza”. Ademais, resaltou que esta intervención reafirma o compromiso do Goberno co desenvolvemento dos pequenos concellos de Galicia.
“As actuacións non poden nin deben centrarse unicamente nas grandes áreas urbanas, e nós iso sábemo ben”, sinalou Blanco, quen tamén felicitou aos equipos técnicos e agradeceu a colaboración institucional que fixo posible a execución da obra “en prazo e forma”. Asemade, asegurou: “Seguiremos traballando cunha visión de país que sitúa as persoas no centro da acción pública e que entende que o progreso debe chegar a todos os recunchos de Galicia”.
O delegado salientou a importancia estratéxica da cooperación institucional para garantir a equidade territorial e apuntou que, “sen a coordinación efectiva entre Ministerio e Concello, iniciativas coma esta non se poderían materializar”. En palabras de Blanco, “a implicación sostida do Goberno, a través do Ministerio de Transportes fai posible dar resposta a unha demanda da alcaldesa que supón un antes e un despois para Guísamo”.
Estas intervencións forman parte dunha planificación baseada en criterios técnicos e de seguridade, que actúa especialmente nos puntos identificados como Tramos de Concentración de Accidentes. Blanco puxo en valor a construción destas novas rotondas, que substitúen os anteriores cruzamentos perigosos, garantindo “unha mellora significativa na mobilidade e na protección dos viandantes”.
“As actuacións que hoxe inauguramos constitúen unha evidencia clara do compromiso do Goberno coa seguridade viaria e coa atención ás necesidades reais do territorio”, concluiu o delegado.
Na súa intervención, Alejandra Pérez Máquez destacou que “é unha gran nova, unha intervención moi necesaria e demandada, pero o de hoxe ten que ser un punto e seguido, agora que xa está rematada é necesario ir pulindo algúns detalles” e fixo referencia a que “a vía de servizo que dá acceso ás vivendas está sendo utilizada polos vehículos para non ter que coller a rotonda, cos problemas que isto ocasiona aos veciños para entrar e saír das súas casas”.
Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde, Juan Fariña, coincidiu en que “é unha mellora de seguridade viaria fundamental” e tamén incidiu na importancia de que “se mellore a vía de servizo”, ademais de considerar algunhas carencias na execución da obra “como na contorna do restaurante, onde había unha beirarrúa no proxecto que non se executou, ou ofrecer máis solucións, aínda que sei que é algo complexo e difícil, para que os peóns poidan cruzar a vía”.