Bergondo recibe a máquina de coser histórica de Fina 'A Costureira', restaurada e lista para ser exposta en A Senra

ACoruñaXa
A familia de Josefa Crespo Veiga doa ao Concello unha peza emblemática do patrimonio doméstico local, sometida a unha coidada restauración
BERGONDO maquina coser fina
24 Nov 2025

O Concello de Bergondo vén de incorporar ao seu patrimonio unha xoia cargada de memoria: a máquina de coser histórica de Josefa Crespo Veiga, coñecida por todo o mundo como Fina 'A Costureira'. A familia decidiu doar esta peza ao municipio como recoñecemento á longa traxectoria desta muller, cuxa vida estivo estreitamente vencellada ao oficio téxtil e ao traballo artesanal que marcou a toda unha xeración.

Grazas a esta xenerosa doazón e ao minucioso proceso de restauración realizado por Mar e Teresa, do estudio Co&Codiseño de Betanzos, a máquina recuperou o seu brillo sen perder a pegada do tempo. O equipo especialista levou a cabo unha intervención integral, que incluíu limpeza profunda, eliminación de óxidos, posta a punto do mecanismo e a creación dunha nova superficie de traballo, respectuosa coa estética e cos materiais orixinais. O resultado é unha peza renovada, que conserva a súa identidade histórica e que volve ser digna de admiración.

Fina dedicou boa parte da súa vida á costura, convertendo a súa casa nun pequeno obradoiro no que arranxaba roupa, facía vestidos a medida e axudaba a mellorar o día a día da súa familia e das súas veciñas. Como sucedeu con tantas mulleres da súa época, aquela máquina de coser foi moito máis ca unha ferramenta: foi sustento económico, vía de autonomía persoal e punto de encontro comunitario. Arredor dela xurdiron historias, conversas, encargos e confidencias que hoxe forman parte dun legado que a familia decidiu compartir con todo o pobo.

Peças deste tipo, fabricadas entre as décadas de 1920 e 1960 por marcas históricas da industria estatal como ALFA ou SIGMA, estiveron presentes en milleiros de fogares e supuxeron unha pequena revolución na economía doméstica. Permitíronlle a moitas mulleres profesionalizar o seu saber facer, xerar ingresos propios e apoiar o orzamento familiar en períodos difíciles. A estrutura de ferro fundido, o mecanismo manual e as marcas de uso desta máquina de Fina evocan unha etapa na que coser era sinónimo de esforzo, precisión e oficio.

A máquina restaurada poderá visitarse no edificio de A Senra, onde quedará exposta para que veciñanza, familias e persoas visitantes se acheguen a esta herdanza íntima e colectiva. A través dela, o Concello de Bergondo quere poñer en valor o traballo artesanal, a importancia das historias familiares e o papel esencial que a costura desempeñou na vida cotiá de tantas persoas. A institución municipal expresa o seu agradecemento máis sincero á familia de Fina por permitir honrar a súa memoria e conservar un testemuño cheo de historia e significado.

⚙ Configurar cookies
0.072547912597656