Bergondo pon en marcha a reforma integral do edificio de Servizos Sociais

O Concello de Bergondo iniciou o proceso para a reforma integral do edificio de Servizos Sociais, co obxectivo de mellorar a atención á cidadanía, as condicións de uso e a eficiencia enerxética do inmoble.
O proxecto, que conta cun orzamento de 225.348 euros e está financiado dentro do Plan Único da Deputación da Coruña, inclúe a rehabilitación enerxética e unha reordenación interior que busca modernizar as instalacións e optimizar o funcionamento do servizo.
Na planta baixa reorganizarase a zona de recepción para mellorar a privacidade e a atención ao público, ademais de habilitar dous novos despachos para facilitar o traballo do persoal e responder mellor ás necesidades dos usuarios.
O semisoto, que agora se usa como almacén e garaxe nun único espazo, dividirase para crear dúas áreas independentes con accesos separados. Para iso, instalarase un novo portalón metálico abatible na fachada traseira, facilitando a entrada desde a parcela.
Un dos aspectos centrais do proxecto é a mellora da eficiencia enerxética. Entre as medidas previstas están o illamento interior dos teitos, a instalación de sistemas de ventilación con recuperador de calor, un novo sistema de climatización con bomba de calor aerotérmica e melloras na protección solar mediante lamas e cortinas adaptadas, así como a renovación da carpintería exterior para permitir a apertura oscilobatente.
Ademais, limparanse, repararanse e pintaranse as fachadas exteriores, e reforzarase a impermeabilización entre fachadas e chans exteriores.
Desde o goberno local sinalan que "esta reforma integral, que simultanea a mellora da funcionalidade, accesibilidade e calidade arquitectónica coa eficiencia enerxética, reflicte o compromiso do goberno coa mellora continua dos seus servizos e instalacións públicas".