Bergondo organiza unha saída sociocultural ao Entroido dos Xenerais da Ulla o 17 de febreiro

ACoruñaXa
A excursión inclúe visita guiada a Santiago e desprazamento á Estrada para asistir ao desfile e aos atranques
BERGONDO excursion ulla
3 Feb 2026

O Concello de Bergondo pon en marcha unha nova saída sociocultural con destino ao Entroido dos Xenerais da Ulla. A actividade celebrarase o martes 17 de febreiro e combinará unha visita guiada a Santiago de Compostela coa asistencia ao desfile e aos altos (ou atranques) dos Xenerais da Ulla na Estrada.

A xornada arrancará coa saída desde a Casa do Concello ás 8.00 h, mentres que o regreso a Bergondo está previsto arredor das 22.00 horas. A visita guiada correrá a cargo de 'Secretos de Compostela' e, ao longo do día, o grupo desprazarase ata a Estrada para seguir de preto un dos actos máis representativos desta celebración.

A excursión está aberta a persoas maiores de 18 anos e tamén a menores, sempre que vaian acompañados por unha persoa responsable maior de idade. O prazo de inscrición será os días 3 e 4 de febreiro, en horario de 9.30 a 14.00 h, de maneira presencial na Casa da Cultura ou chamando ao 981 79 12 52 (extensión 7).

No caso de que o número de solicitudes supere o de prazas dispoñibles, realizarase un sorteo o 5 de febreiro ás 10.30 h na Casa da Cultura. Tanto para o sorteo de prazas como para a asignación de asentos no autobús, terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Bergondo e tamén se terá en conta a unidade familiar.

A cota de participación é de 20 euros (todo incluído) e os pagamentos deberán formalizarse os días 10 e 11 de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.081123113632202