Bergondo oferta unha ampla variedade de axudas escolares en todos os niveis educativos
O Concello de Bergondo vén de abrir o prazo de tres diferentes liñas de subvencións para axudar aos bergondeses e bergondesas no importante esforzo económico que supón cada ano o inicio do curso.
Dunha banda están as xa presentadas bolsas de préstamo de libros de texto, que complementan ao Fondo Solidario da Xunta de Galicia e que están dispoñible desde 3º de Primaria ata 4º de ESO. Esta bolsa pode solicitarse a través deste formulario ata o 28 de xuño.
Para non deixar descubertas as necesidades das familias con fillos ou fillas en idade escolar que cursen Educación Infantil ou 1º ou 2º de Primaria, o Concello pon en marcha outra liña de axudas que consisten na entrega de libros. No caso dos estudantes de Primaria, deberán solicitar a axuda para a adquisición de libros e material da Xunta; de non facelo, quedarán excluídos deste programa. As solicitudes deberán entregarse antes do 3 de xullo por Rexistro, ben presencialmente ou ben a través da sede electrónica.
Por último, o programa de axudas á compra de material escolar e libros, que está dirixido a todas as etapas educativas, achega entre 30 e 120 euros ás familias con menos ingresos. Os únicos requisitos son estudar nalgún dos centros públicos de Bergondo e non superar o límite de ingresos establecido nas bases. O prazo de presentación de solicitudes pecha o 3 de xullo e deberá presentarse a documentación a través do Rexistro municipal.
Cabe destacar que esta última liña si ten en conta o nivel de ingresos, mentres que as de préstamo e entrega de libros non teñen a renda como un requisito nunha clara aposta pola educación pública e gratuíta.
Desde o goberno local afirman que “estas tres liñas de bolsas para a escolarización buscan paliar o importante esforzo económico que as familias bergondesas afrontan cada ano co inicio do curso escolar e apoian o modelo de educación pública”.