Bergondo mobilízase en defensa de Cortiñán contra o proxecto ferroviario do Ministerio

O Concello de Bergondo anima hoxe á veciñanza a participar na mobilización contra o proxecto do Ministerio de Transportes para o novo ramal ferroviario entre as liñas León–A Coruña e Betanzos Infesta–Ferrol. A manifestación celebrarase este martes 28 de outubro ás 12.00 horas na estrada provincial DP-0105, preto do Hotel Luso, baixo o lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila'.
O Goberno local afirma que a actuación prevista polo Ministerio supón, ademais da supresión do baipás de Infesta, unha afección directa sobre a parroquia de Cortiñán, xa que deixaría centos de propiedades afectadas pola servidume ferroviaria e condicionaría o futuro urbanístico da zona. O executivo insiste en que se trata dun impacto que non é só técnico, senón social e económico, porque limita o uso das parcelas e pode depreciar o patrimonio das familias.
Fronte á Alternativa 6 proposta polo Ministerio, Bergondo defende unha solución propia —coñecida como Alternativa 5S— que, segundo o Concello, reubica o trazado para afastalo das vivendas, reduce expropiacións e diminúe o número de viadutos previstos. O obxectivo, segundo sosteñen, é minimizar os prexuízos para a veciñanza de Cortiñán e ao tempo rebaixar o custo global da obra concentrando a infraestrutura en áreas forestais ou industriais. O Ministerio rexeitou esta formulación.
Desde Alternativa, formación que integra o Goberno municipal, fan un chamamento expreso á participación cidadá e piden aos veciños e veciñas de Bergondo que se desprazaren á concentración deste martes. Consideran que 'a mobilización é necesaria' para reclamar unha alternativa 'xusta' ao proxecto estatal, e subliñan que Cortiñán 'non pode quedar hipotecada urbanisticamente nas vindeiras décadas'.
No plano político, o BNG de Bergondo fixo público que non ten previsto asistir. A formación nacionalista asegura que está a favor de mellorar os servizos ferroviarios coa menor afección posible para Cortiñán, mais critica que a convocatoria da marcha se fixese de forma unilateral polo Goberno local e sen un proceso de consenso cos demais grupos nin coa veciñanza. O BNG afirma que continuará apoiando as reivindicacións da parroquia e as alegacións presentadas polas persoas afectadas, aínda que aposta por un traballo 'desde o acordo e coa participación real'.