Bergondo mellora o sistema de drenaxe do polígono industrial para evitar inundacións

O Concello de Bergondo vén de iniciar este mércores, 23 de abril, as obras dun novo proxecto de mellora do sistema de drenaxe no polígono industrial, cun investimento de 11.096 euros. A actuación céntrase na instalación dun novo colector de alivio que conectará coas infraestruturas xa existentes, co obxectivo de dar resposta ás inundacións ocasionais provocadas por choivas torrenciais.
Os traballos estanse a desenvolver na rúa Parroquia de Lubre e permitirán mellorar o funcionamento da rexa instalada no ano 2023. A pesar das intervencións previas, en episodios de choiva intensa aínda se rexistran pequenas inundacións debido ao dimensionamento insuficiente das instalacións actuais, que chegan a soportar picos de máis de 1.000 litros por segundo.
A solución técnica consiste na conexión estratéxica dos colectores do marxe esquerdo e dereito, así como coa canalización que desemboca no rego de Guinlle. Esta obra suporá unha solución integral para evitar o desbordamento das augas e garantir unha mellor xestión das precipitacións extremas.
Como consecuencia das obras, a rúa Parroquia de Lubre permanecerá cortada ao tráfico entre as parcelas E18/19 e C12/13 ata o venres 25 de abril. Porén, garantirase o acceso ás empresas situadas na zona durante toda a duración dos traballos.
Melloras continuadas no polígono
Esta nova intervención súmase a unha serie de proxectos executados nos últimos anos para mellorar os servizos do polígono, consolidado como un dos principais motores económicos da comarca. Entre estas actuacións destacan a renovación das redes de abastecemento (con máis de 170.000 euros investidos), a mellora da EDAR (200.000 euros), a pavimentación de accesos (171.000 euros) ou a instalación de canalizacións e reixas (case 48.000 euros). Ademais, está prevista a construción dunha nova senda peonil cun orzamento de 276.000 euros.