Bergondo licita por máis de 512.000 euros a reforma de beirarrúas e servizos na AC-162 ata o límite con Sada

ACoruñaXa
A actuación, financiada a través do Plan Único da Deputación da Coruña, renovará saneamento, abastecemento, iluminación e pavimentos, e incluirá un miradoiro xunto á praia de Gandarío
BERGONDO paseo
8 Jan 2026

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación un proxecto para rehabilitar de maneira integral un tramo da estrada AC-162 comprendido entre A Lagoa (Ouces) e o límite municipal con Sada. O investimento previsto ascende a 512.849,65 euros e está encadrado no Plan Único (POS+ 2025) da Deputación da Coruña.

A intervención contempla a renovación completa da rede de saneamento ao longo do treito, así como a substitución da actual rede de abastecemento de auga nos dous marxes da vía. Tamén se proxecta a mellora da iluminación pública no marxe esquerdo, ao tempo que se repoñerán todas as beirarrúas.

Dentro das melloras previstas, o proxecto incorpora unha zona con pavimento diferenciado a modo de miradoiro no punto que coincide co extremo occidental da praia de Gandarío, aproveitando a obra para reforzar a seguridade e a comodidade dos desprazamentos a pé nun tramo con moito tránsito.

A obra chega despois da actuación de urxencia executada no mes de xuño de 2025 no marxe esquerdo, cando foi necesario reparar un pequeno tramo de beirarrúa que colapsara e que permanecía valado. Dende o goberno local subliñan que o novo proxecto (ademais de mellorar a seguridade viaria) permitirá que a veciñanza dispoña de servizos actualizados nunha zona clave de conexión co termo de Sada.

⚙ Configurar cookies
0.077064037322998