Bergondo licita o proxecto de mellora dos marxes da estrada entre Miodelo e San Fiz de Vixoi

ACoruñaXa
Desde o Goberno local destacan a relevancia desta actuación para garantir a comodidade e seguridade
bergondo-modelo
25 Mar 2025

O Concello de Bergondo sacou a licitación o proxecto de acondicionamento dos marxes da estrada que une Miodelo con San Fiz de Vixoi ata a CP-0801. Esta actuación, incluída no POS Adicional de 2023, ten como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nun tramo clave para a mobilidade dentro do municipio.

O proxecto contempla a instalación dunha nova rede de pluviais nos marxes de actuación, substituíndo as actuais gabias de terra. Ademais, levarase a cabo a reposición dos pavimentos e a mellora dos accesos, incorporando pavimento de adoquíns e formigón en zonas concretas. Tamén se reforzará a sinalización e implementaranse medidas adicionais de seguridade.

Desde o Goberno local destacan a relevancia desta actuación para garantir a comodidade e seguridade tanto de peóns como de condutores. Así mesmo, recalcan que esta intervención responde á necesidade de modernizar a infraestrutura viaria municipal, facilitando o tránsito e reducindo os riscos asociados ao estado actual do firme e á evacuación de augas pluviais.

O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 385.988,38 euros. Dentro do desglose orzamentario, destínanse máis de 140.000 euros á mellora da rede de pluviais, 114.885 euros á reposición do pavimento e máis de 37.000 euros a traballos previos, ademais de partidas específicas para sinalización, xestión de residuos e seguridade.

O Concello de Bergondo subliña que esta intervención contribuirá significativamente a mellorar a calidade de vida da veciñanza, fomentando unha mobilidade máis segura e accesible. Ademais, insiste no seu compromiso coa mellora continua da rede viaria municipal e coa adecuación das infraestruturas ás necesidades da cidadanía.

 

⚙ Configurar cookies
0.060764074325562