Bergondo licita melloras en dous camiños rurais con financiamento de AGADER

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación as obras de mellora de dous camiños rurais cun orzamento total de 50.041,22 euros. Trátase dunha actuación centrada en aumentar a seguridade e funcionalidade destas vías, que se atopan nun estado de deterioro debido ao uso intensivo, o paso do tempo e as condicións meteorolóxicas adversas.
A primeira das intervencións terá lugar no camiño que conecta a estrada N-VI co lugar de Trasdoval, unha zona de carácter agrícola e gandeiro. O trazado divídese en dous tramos diferenciados: o primeiro, de 348 metros de lonxitude e cun ancho medio de 5 metros; e o segundo, de 467 metros cun ancho medio de 4 metros. Esta actuación permitirá “mellorar notablemente o acceso desde a estrada nacional aos núcleos rurais do entorno, resolvendo os problemas derivados do actual firme danado”.
A segunda mellora executarase no camiño do lugar de San Vitorio, cunha lonxitude total de 143 metros e un ancho medio de 3,30 metros. Esta vía conecta dous puntos da estrada provincial DP-0813 e dá servizo a vivendas e leiras da contorna. O pavimento actual presenta un desgaste acusado que complica o tránsito, sobre todo nos días de choiva.
En ambos casos, a solución técnica pasa pola renovación do pavimento mediante unha capa de aglomerado asfáltico en quente, o que asegurará unha maior durabilidade e resistencia ao tráfico. Tamén se realizarán traballos de limpeza e perfilado de cunetas, desbroce de marxes, recalce de tapas e a instalación de sinalización horizontal con marcas viarias reflectantes nos dous lados da calzada.
A maior parte da actuación contará co apoio económico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a través dunha liña de axudas á que o Concello de Bergondo acode anualmente en busca de proxectos que cumpran cos requisitos para seren subvencionables.