Bergondo licita as obras de mellora do firme en varios tramos do polígono industrial

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación un proxecto de renovación do firme en varios tramos do polígono industrial, cun orzamento total de 127.093 euros. A actuación busca mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria nun espazo clave para a economía local, onde se concentra un importante número de empresas e onde o tráfico pesado é constante.
Segundo o Concello, o estado actual dalgúns dos viarios presenta un desgaste significativo na capa de rodadura, afectada polo paso frecuente de vehículos de gran tonelaxe. Porén, os informes técnicos descartan danos estruturais no firme, polo que a intervención centrarase exclusivamente na renovación superficial do pavimento.
As obras inclúen actuacións nas rúas Parroquia de Guísamo, Parroquia de Vixoi, Parroquia de Lubre e Parroquia de Cortiñán. En todas elas levarase a cabo un fresado do firme actual ata unha profundidade de cinco centímetros, seguido da extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico adaptada ás necesidades dun entorno industrial. Previamente aplicarase un rego de adherencia con emulsión bituminosa para garantir a correcta fixación das capas.
O proxecto tamén contempla a reparación puntual dos marcos de formigón de arquetas e pozos nas zonas que o precisen, así como a reposición íntegra da sinalización horizontal sobre a nova capa de rodadura.
Desde o Goberno local salientan a importancia da intervención: “O Polígono de Bergondo é unha infraestrutura estratéxica para o municipio, tanto polo volume de emprego que xera como polo seu papel no tecido económico comarcal. Con esta actuación respondemos a unha demanda do propio sector empresarial e seguimos apostando pola mellora continua dos nosos servizos e infraestruturas produtivas. A seguridade viaria e o bo estado dos viarios son fundamentais para garantir a competitividade do polígono e a actividade diaria das empresas que operan nel”.