Bergondo leva a pleno a aprobación definitiva do Plan Especial do Río Maior en Lubre

ACoruñaXa
O proxecto, que conta xa co informe favorable de Urbanismo da Xunta, inclúe o novo Paseo Fluvial e permitirá activar a rede de saneamento de Lubre, ademais de introducir medidas fronte ao risco de inundación
BERGONDO paseo fluvial
27 Oct 2025

O Concello de Bergondo someterá este xoves nun pleno extraordinario a aprobación definitiva do Plan Especial do Río Maior, na parroquia de Lubre. Trátase dun paso decisivo para poñer en marcha o Paseo Fluvial do Río Maior e para activar de forma definitiva a rede de saneamento desta zona do municipio.

O goberno local adopta esta decisión despois de recibir o informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, un documento que permite continuar co procedemento. A partir de agora, o Concello poderá iniciar a aprobación definitiva do plan, o proceso de expropiación dos terreos necesarios, a redacción do proxecto construtivo e, posteriormente, a licitación das obras.

Un dos puntos centrais do Plan Especial é a posta en servizo da rede de saneamento para a parroquia de Lubre. Está prevista a execución de tres novos colectores de saneamento que completarán o sistema de augas residuais da zona, xa dotado con outros sete colectores xa construídos. Con esta actuación, as augas residuais conduciránse cara á EDAR de Gandarío, facendo posible a entrada en funcionamento dun servizo moi demandado pola veciñanza.

O proxecto tamén contempla a creación dun paseo fluvial que unirá os lugares de Agrumias e Cambade, en Lubre, ao longo dun itinerario duns 2.184 metros. A senda, que se executará en madeira laminada de piñeiro tratado, converterase nun novo espazo de lecer para os veciños e veciñas e nun elemento de interese para atraer visitantes.

Ademais, recóllese a recuperación ambiental do ámbito do Río Maior, actualmente afectado por certa degradación pola presión urbanística dos últimos anos. O plan incorpora, así mesmo, solucións técnicas para reducir o impacto do risco de inundación en dous puntos sensibles da zona.

⚙ Configurar cookies
0.070408821105957