Bergondo investe máis de medio millón de euros en melloras de infraestruturas entre San Fiz e Miodelo

ACoruñaXa
O Concello executa tres obras na zona, cunha senda peonil entre ambas as localidades, a limpeza do cauce dos ríos Callou e Miodelo e a renovaciónda rede de pluviais en Pisón, cun investimento total de 567.997 euros.
BERGONDO obras
23 Nov 2025

O Concello de Bergondo ten en marcha tres actuacións de mellora de infraestruturas na contorna de San Fiz (Vixoi) e Miodelo (San Salvador–Bergondo) que suman un investimento global de 567.997 euros.

A principal intervención é a creación dunha senda peonil e o acondicionamento das marxes da estrada que conecta Miodelo con San Fiz ata a CP-0801. O proxecto, financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña e dotado con preto de 470.000 euros, busca incrementar a seguridade viaria e a accesibilidade nun tramo considerado estratéxico para a mobilidade interna do municipio.

A actuación inclúe a instalación dunha nova rede de pluviais nos dous lados da vía, substituíndo as actuais cunetas de terra. Ademais, prevese a reposición de pavimentos e a mellora dos accesos ás vivendas e leiras, con treitos nos que se colocará formigón e adoquíns para forzar a redución da velocidade dos vehículos e protexer as persoas peóns. Tamén se reforzará a sinalización e implantaranse medidas adicionais de seguridade no percorrido.

En paralelo, xa comezaron os traballos de limpeza do cauce do río en Miodelo, co obxectivo de recuperar a capacidade de desaugadoiro e evitar os desbordamentos puntuais que se producen en episodios de fortes choivas. Esta intervención conta cun orzamento de 62.493 euros e céntrase na desembocadura dos ríos Callou e Miodelo no Xaralleira, actuando sobre 240 metros do rego de Xaralleira, 115 metros do de Callou e 25 metros do de Miodelo.

As tarefas consisten na limpeza manual da vexetación invasora nas ribeiras e marxes dos tres cursos fluviais, así como na retirada de lodos, sedimentos e restos de maleza acumulados no leito. Todo o material extraído será trasladado e xestionado nunha planta autorizada, seguindo os criterios ambientais vixentes.

Finalmente, están a piques de concluír as obras de mellora da rede de augas pluviais en Pisón, destinadas a resolver os problemas de escorrentía que se rexistran especialmente en períodos de choiva intensa. Estase a executar un colector principal ao que se conectarán, mediante arquetas, os diferentes elementos de drenaxe dispersos pola plataforma viaria, co fin de garantir unha evacuación máis eficiente da auga.

Estas intervencións permiten avanzar na prevención de inundacións, na mellora da seguridade viaria e na conservación do entorno fluvial nunha zona de crecente tránsito e uso residencial.

⚙ Configurar cookies
0.072211980819702